Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

A Exposición “De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos” estará en O Incio ata o 5 do vindeiro mes de agosto

27/07/2021


A Exposición “De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos”, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (AEPECSA), no marco do programa “O teu Xacobeo”, inaugurouse, o día 22 de xullo, no Concello de O Incio, nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Ramón Mourelo; o Xefe Territorial de Presidencia da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Gerardo Criado Guizán; o presidente e o secretario da Asociación organizadora, Xosé María García Palmeiro e Xosé Manuel Salgado, respectivamente, e o comisario da Exposición,  Luís Celeiro Álvarez.

Tamén asistiron ao  acto as irmáns Marica e Tereixa Campo, Manuel Vázquez Teijeiro, responsable da itinerancia da Exposición; Antonio García Montero, Xosé M. Vila Chantres, Alicia López Rosón, Paco Castro, Maruja de Airapadrón e un grupo de veciños e veciñas do Incio e Samos, coñecedores das terras de Martín de Padrozelos, aos que o comisario da Exposición, Luís Celeiro agradeceu a súa presenza e animou a coidar e respectar o pasado, como “sinal do que fomos e somos”.

A Exposición, coas dez cantigas de Martín de Padrozelos, un dos primeiros trobadores coñecidos da lírica galega, estará aberta ao público polas mañás, de luns a venres, ata o 5 de agosto. Trátase dunha mostra, de carácter divulgativo e itinerante, que transmite e fai visible a importancia da lírica galega na Idade Media. En varias destas cantigas, Martín de Padrozelos alude a lugares de O Incio, como San Salvador do Mao ou Valongo, tamén do Val do Mao.

As dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, foron musicadas polo grupo A Quenlla e gravadas nun CD, que axuda á revalorización deste autor medieval, que ten as súas orixes en Praducelo de Lóuzara (Samos), onde se conserva unha casa co seu nome. A vinculación de O Incio e de Samos coas orixes da literatura galega resultan evidentes para investigadores como Dulce Fernández Graña e Xulio Pardo de Neyra, os dous primeiros en publicar os seus traballos sobre o Trobador e as súas cantigas, que se conservan nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa.

Cada unha das dez cantigas constitúe un panel da Exposición, que conta con dous máis, o primeiro, coa ficha técnica da mesma, incluídos os concellos polos que pasa o seu recorrido itinerante, e o doceavo, no que figura un mapa da zona, cos concellos por onde anda a Exposición e cos lugares de Samos e O Incio  por onde andou Martín de Padrozelos.

Despois de O Incio, irá a Folgoso do Courel (6 – 17 de agosto) e a Portomarín (19– 30 de agosto), para rematar nunha das pallozas do Cebreiro, na primeira quincena de setembro. Anteriormente estivo en Samos, Triacastela, Paradela, Láncara e Sarria.

O Incio, 22 de xullo de 2021

Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA)

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu