O rigodón era o baile co que se abrían as festas ao longo dos séculos dezasete e dezaoito. A música coa que se amenizaba este baile tamén era rigodón e tan pronto comezaba a soar, as parellas adiantábanse ao centro da aira e bailaban. Ao parecer esta danza é de orixe provenzal e –como se viu estes días pasados– calou fondo nos miolos e no corazón dalgún dos políticos actuais. Que bonito! O deputado de Anova, o máis vello do parlamento de Galicia, Xosé Manuel Beiras Torrado recoñeceu o outro día que esta danza tamén é de políticos e políticas, “levamos meses dun baile de rigodón no falso Versalles madrileño”.
Certo!, señoría, ten vostede razón, aínda se van mancar batallando, cantando, bailando ou teorizando sobre a liberdade para facer cada quen o que lle veña en gana, falando do sexo dos anxos e obstruíndo calquera tipo de marcha adiante, poñendo paus na roda do adversario, para que a súa derrota sexa maior que a propia. Poida que algún dos bailaríns remate a lexislatura de baixa, ferido e mancado de tanto esforzo.
Hai quen pensa que debería tratarse do chotis e a moitos gustaríalles que, de bailar, bailasen muiñeiras, sardanas ou, mesmamente, o aurresku, danza a modo de reverencia na que pon música un chistulari e que é baile do pobo e dos selectos deputados e alcaldes. Digo ben, en masculino, xa que as mulleres aquí non danzan, quédanse quietas mirando como lles baila o aurreskulari. Obviamente, á señora Susana Díaz acordaríaselle o flamenco, pero quizais sexa enredoso para bailar a diario no Parlamento. Ten razón a súa señoría de Anova, o rigodón é a danza axeitada para bailar e para exemplificar, nestes tempos nos que o máis pintado treme. Nestes días de incerteza, previos ás transcendentais decisións persoais e colectivas, tremen e bracuñan sen xeito e sen dereito os políticos da mirada firme e os que non saben nada, nada de nada do que vai ser. Xa “pasou o que pasou” e poida que volva a pasar. Mentres tanto, no Parlamento alguén debería dicir algo, alguén terá que bailar a última peza e parar a festa para que as señorías, sabedoras de que ninguén é imprescindible, se comprometan cun futuro limpo e que repare igualdade de oportunidades, igualdade de medios, igualdade real en tódolos aspectos. Amén!
Artigo publicado en:
El Progreso (12/04/2016) Diarío de Pontevedra (12/04/2016) El Correo Gallego (13/04/2016) La Región (13/04/2016)
Artigos publicados anteriormente:
37). Días de incerteza (06/04/16) 36). A Ferradura, en Abadín (06/04/16) 35). Respecto ás diferenzas (30/03/16) 34). Que tempo fará mañá? (23/03/16) 33). Final do celibato (15/03/16) 32). Na loita contra a desigualdade (09/03/16) 31). O leite da leiteira (01/03/16) 30). Un mundo ao revés (24/02/16) 29). A Gripe, cada ano (17/02/16) 28). O can terá a palabra (10/02/16) 27). Un mundo enteiro (03/02/16) 26). Tempos de carnaval (27/01/16) 25). O bebé non ten culpa (20/01/16) 24). Para orgullo de nós (13/01/16) 23). Fungos e bacterias (06/01/16)
Ano 2015.-
|