A Peneira dos Soños Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia
TÍA MANUELA
Murallas de arames
Luís Celeiro
30/11/2016
Os galegos sabemos moito do pequeniño, temos o minifundio
incrustado no territorio, na herdanza e na mente, somos como a expresión pura e
lisa do reparto e do parcelamento. No noso territorio hai paredes de pedra, de
granito do Porriño, de lousa laminada de onde sexa e de cor gris ou negra. Hai
paredes e valados de terróns arrancados coa legoña, sebes con estacas de
castiñeiro e de salgueiro entrelazadas coas ramas das xestas floridas e,
despois, secas. Hai leiras tan cativas que só dan para alindar unha vaca ou un
par de ovellas. Leiras que se miden por cuncas, celamíns ou por cuartillos, tan
reducidas como a liberdade que encerran.
O mundo, como Galicia, está cheo de valos que constitúen
cerrados con fronteiras pechadas con aramados aguzados, e moitos quilómetros de
lonxitude. Mentres estes cerrumes se robustecen,os políticos entretéñensefalando da igualdade ou da solidariedade e a
pobreza, a miseria e a tristeza van aumentando aos seus lados, xerando máis
padecemento e máis sufrimento. Quen sexa capaz de ver o mundo tal como é,
quédase de pedra, momificado e incrustado na parede.
Donald Trump anunciou o seu propósito de engordar,
agrandar e reforzar o muro que separa a Estados Unidos do veciño México. Puxo
aos pensadores a reflexionar sobre a inconveniencia destes atrancos, sobre a
inutilidade da lide do home contra o home. Neste caso, a construción comezara
en 1994 e o seu obxectivo era “impedir a inmigración ilegal”. Trátase dunha
parede que impida o tránsito das persoas, como a barreira que separa Israel dos
territorios ocupados, ou o muro Evros, erguido en 2012 na fronteira entre
Grecia e Turquía, para atrapar aos “sen papeis”, homes, mulleres e nenos,
procedentes de Asia e África, que buscaban pan.
Hungría, co mesmo obxectivo, constrúe ao longo da súa
fronteira con Serbia un valo metálico de catro metros de altura. Non parece
certo, pero aí están, como sinal de mal,os arames cortantes que impiden a entrada en Ceuta e Melilla dos pobres
famentos que veñen de Marrocos. Demasiados muros para manter as desigualdades,
para frear o desenvolvemento. Caeu o de Berlín, aquel símbolo da Guerra Fría e,
nestes novos tempos, aumenta outra vez a construción de sofisticadas paredes
fronteirizas, murallas de arames, para vergoña da humanidade.