Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Cadaquén, polo seu camiño

Luís Celeiro

04/05/2016


O primeiro de maio, o domingo pasado, foi o Día da Mai e o Día da clase traballadora. Xuntáronse dúas conmemoracións ben parecidas e diferentes ao mesmo tempo. Foi o Día da Mai dos traballadores, dos amigos, de todos os que constitúen o grupo numeroso da boa xente,  dos políticos, dos adáns e baldroeiros, o Día da Mai de cada un de nós e de vós, aínda que moitos sabemos que tódolos días de tódolos anos son o Día da Mai, moitas veces, case sempre, con celebracións caladiñas e ben sentidas. Pero, a tradición marca que aquí sexa o primeiro domingo de maio, que este ano tocou o día un, como en Portugal, Hungría e Lituania. Grande ledicia para comerciantes grandes e pequenos. Todos atentos ás vendas para que os fillos e fillas desta terra nosa teñan lembranzas para a súa nai, naiciña, “como a que non hai ningunha”.

Noutros lugares fan esta conmemoración noutro día, maioritariamente escollen un da primavera. O vinte e un de marzo tocoulles ás mais de Exipto, Líbano, Palestina, Siria e Xordania; para o oito deste mes de maio será en Corea do Sur. En Francia e Suecia celebran este día o último domingo de maio; en Tailandia, o doce de agosto; en Arxentina, no mes de outubro; o oito de decembro, en Panamá, e o 22 do mesmo mes, cando aquí o Gordo da Lotería escapa para outra parte, en Indonesia festexan o Día da Mai e no mundo, que conta con cerca de sete mil cincocentos millóns de habitantes, hai miles de milleiros de millóns de mais. Cada unha delas e todas, excepcionais.

Son tamén mais de traballadores como elas, de noite e de día, en moitos casos. Mais e fillos, pais, avós e avoas, irmáns e irmás, con algunha condición que os identifica, constitúen a “casta” traballadora, poderíase dicir que forman unha clase social ben diferenciada da “casta” a secas, da que algúns falan e que parece pertinente que se acabe.

A coincidencia temporal foi total, o mesmo día celebráronse o Día da Mai e o Día Internacional da Clase Obreira. Moitas das protagonistas da primeira celebración tamén o foron da segunda. Igual que en anos anteriores e a pesar de perseguir o mesmo obxectivo, as organizacións sindicais foron en manifestacións distintas. Cada unha delas viña de seu pai e da súa mai e ía polo seu camiño, o único verdadeiro. Para o ano que ven, deberíamos pensar en conseguir que as mais fosen unidas e, con tanta forza, darlle media volta ao mundo.


Artigo publicado en:

El Progreso (03/05/2016)
Diarío de Pontevedra (03/05/2016)

El Correo Gallego (04/05/2016)
La Región (04/05/2016)


Artigos publicados anteriormente:

40). Cadaquén, polo seu camiño (04/05/16)
39). Cruce de Camiños (27/04/16)
38). Manuel María (20/04/16)
37). Días de incerteza (13/04/16)
36). A Ferradura, en Abadín (06/04/16)
35). Respecto ás diferenzas (30/03/16)
34). Que tempo fará mañá? (23/03/16)
33). Final do celibato (15/03/16)
32). Na loita contra a desigualdade (09/03/16)
31). O leite da leiteira (01/03/16)
30). Un mundo ao revés (24/02/16)
29). A Gripe, cada ano (17/02/16)
28). O can terá a palabra (10/02/16)
27). Un mundo enteiro (03/02/16)
26). Tempos de carnaval (27/01/16)
25). O bebé non ten culpa (20/01/16)
24). Para orgullo de nós (13/01/16)  
23). Fungos e bacterias (06/01/16)

Ano 2015.-



Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu