Impresionan e gustan ás persoas que as descobren, que as ven e miran para elas cos ollos, co corazón e coa mente. Coa mente liberada de maldades e co corazón arrogante chorreando amor á arte, ao debuxo ben feito, ás caricaturas que falan cargadas de mensaxe e de memoria, como as do artista galego Xosé María Cao Luaces, que ata finais de ano andarán por Galicia dando que falar á xente, aos críticos, aos artistas, aos docentes e a todas aquelas persoas que teñan oportunidade de velas, ata o doce de xuño, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, e despois, en Pontevedra, en Ourense, en Lugo, Melide, A Coruña e Cervo.
En Cervo foi onde naceu Xosé María Cao, en 1862, e en Cervo, na fábrica de Sargadelos, traballou de neno. Despois, foise para Madrid e deseguido para Bos Aires, onde a súa man de artista deixou unha pegada especial, fermosa, intelixente e duradeira. Foi o “patriarca da caricatura arxentina” e agora, outro dos grandes caricaturistas de Galicia, o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López coordina con gran habelencia unha exposición con 40 traballos da súa autoría, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e que ten por obxecto dar a coñecer ao artista lucense e a súa obra.
Patriarca en Arxentina e descoñecido na súa terra, en Galicia. Así é a vida e así é a morte, que a este Patriarca chegoulle en xaneiro de 1918, cando estaba retirado na localidade de Lanús (Bos Aires) e cando, en palabras do prestixioso xornalista Juan José de Soiza Reilly, “máis que un artista, era un psicólogo profundo, un analista que calaba os miolos e facía caricaturas que eran como autopsias”.
Sen máis, os que andamos no mundo do xornalismo temos que agradecerlle a Siro López a súa intervención e a súa acción para sacar da calixe da historia a este artista e xornalista satírico, Xosé María Cao Luaces, e por poñer á vista de todos a súa obra, o seu talante e o seu traballo, no Museo do Humor de Fene, no Club de Prensa de Ferrol, cun libro editado pola Deputación de Lugo en 1993, con algunhas conferencias e agora con esta exposición que dará pé a outros eventos de coñecemento e recoñecemento dos méritos deste intelectual e debuxante republicano galego e membro da Masonería arxentina. Que non quede no esquecemento!
Artigo publicado en:
El Progreso (10/05/2016) Diarío de Pontevedra (10/05/2016) El Correo Gallego (11/05/2016) La Región (11/05/2016)
Artigos publicados anteriormente:
41). No esquecemento (11/05/16) 40). Cadaquén, polo seu camiño (04/05/16) 39). Cruce de Camiños (27/04/16) 38). Manuel María (20/04/16) 37). Días de incerteza (13/04/16) 36). A Ferradura, en Abadín (06/04/16) 35). Respecto ás diferenzas (30/03/16) 34). Que tempo fará mañá? (23/03/16) 33). Final do celibato (15/03/16) 32). Na loita contra a desigualdade (09/03/16) 31). O leite da leiteira (01/03/16) 30). Un mundo ao revés (24/02/16) 29). A Gripe, cada ano (17/02/16) 28). O can terá a palabra (10/02/16) 27). Un mundo enteiro (03/02/16) 26). Tempos de carnaval (27/01/16) 25). O bebé non ten culpa (20/01/16) 24). Para orgullo de nós (13/01/16) 23). Fungos e bacterias (06/01/16)
Ano 2015.-
|